O Concello de Agolada reitera de novo a reactivación das parcelarias abertas no municipio e informa do inicio da solicitude da de Artoño

O Concello de Agolada reclama de novo ante a Xunta de Galicia a reactivación das parcelarias abertas no municipio. Para iso enviou o pasado día 15 de setembro sendas cartas ao conselleiro de Medio Rural, José González, á directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e ao delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López. Nos escritos reitéralles a necesidade que supoñen as parcelarias para o concello de Agolada, onde o 95% da súa poboación vive do rural. Tamén lembra a reunión mantida en marzo de 2021 con Santé así como co anterior director, Miguel Ángel Pérez Dubois, na que acudiu en compañía do presidente da Asociación Queremos Parcelarias en Agolada, Juan Carlos Sánchez. E cuestiona, nos propios escritos, “as constantes negativas para concluír ditas parcelarias”. Así mesmo recórdalles que estas parcelarias están divididas en tres núcleos: o primeiro Agra, Sexo, A Baíña e Val; o segundo que comprende Berredo, Eidián, Basadre e Ramil e por último, o que abarca Sesto e Brocos. E a maiores infórmalles que dende este verán estase traballando na solicitude dunha nova parcelaria, a de Artoño, unha parroquia que está ao lado doutras como Berredo e A Baíña e que quedou fóra destes procesos. Por iso, veciños achegáronse en semanas pasadas ao Concello para en colaboración da administración local iniciar tamén esta demanda e xa se están recollendo sinaturas. Nos escritos enviados este xoves, tras facer un percorrido dende o inicio e paralización dos procesos abertos, o alcalde do municipio, Luis Calvo, tamén expresa o seu descontento, e en nome dos veciños, de que este ano a Xunta prevé decretar 23 novas zonas de concentración ao longo do presente ano, que se sumarían así ás cinco decretadas o pasado exercicio. “Coñecemos por prensa que tres destas zonas pertencen ao municipio de Lalín e unha ao Castro, en Dozón. Dende o Concello de Agolada non entendemos xustificación posible que explique o porqué se paralizan as concentracións parcelarias en Agolada co informe de impacto ambiental favorable e mentres se abran novos núcleos de parcelarias noutros municipios limítrofes”, lamenta o rexedor. Así mesmo, recalca que “os veciños de Agolada tamén nos sentimos discriminados cando esta solicitude se presentou en dúas ocasións no Parlamento de Galicia e foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular”. Por iso insta á Consellería de Medio Rural, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e tamén ao Delegado Provincial da Xunta en Pontevedra, a que leven unha moción ao Parlamento de Galicia, para continuar co proceso das parcelarias xa iniciadas no noso concello. E así mesmo, solicita unha reunión con cada un deles para abordar canto antes este tema, tan importante para o avance do municipio. Así mesmo, nestes escritos o mandatario tamén fai fincapé no labor tan importante que está facendo a Asociación Queremos Parcelarias en Agolada que se constituíu para tal fin no ano 2018. “Nesta causa é importante sumar forzas e remar todos na mesma dirección”, recalca Calvo