Espazo natural declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) dentro da Rede Natura 2000, ten unha extensión de 1.537 hectáreas e abarca os concellos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, no río Ulla. Principal masa forestal representativa da fraga atlántica con influencia mediterránea presente na conca do río Ulla. Como especies máis representativas destacan o carballo e a sobreira. Tamén ao longo do río podemos observar a presenza de amieiros. A zona acolle unha fauna rica e diversa na que está presente un amplo abano de especies asociadas a áreas de matogueira e bosque de ribeira. Nesta área podemos atopar unha praia fluvial natural como é a praia de Ponte Vilariño, onde tamén se sitúa unha área de recreo e un manancial de augas termais entre as ruínas dun antigo balneario.
Ruta de sendeirismo