Que facer

En Agolada pode desfrutase de fermosas paraxes naturais e coñecer distintos elementos do Patrimonio Relixioso e Civil. Ademais, de gozar dunha saboroso gastronomía. E cada día 12 celébrase a tradicional “feira do doce”, unha cita con moitos anos de historia, que tempos atrás atraía a tratantes de distintas partes de Galicia.

Festas

Agolada celebra as súas Festas Patronais os días 29 e 30 de xuño na honra a San Pedro e San Pablo con pasacalles, diversas actuacións de bandas, grupos tradicionais e orquestras así como diferentes actividades e atraccións para grandes e pequenos.

Despois, o último sábado de xullo celébrase a Festa dos Chóferes. Ten lugar o tradicional desfile de vehículos e carrozas, que primeiramente son bendicidos diante da igrexa da localidade e despois recorren as rúas ata a Carballeira da Zanca, onde se celebra a festividade. Seguidamente, faise entrega dos premios do Concurso de Carrozas que cada ano destacan pola súa orixinalidade e colorido. A festa continúa con música e na propia carballeira reúnense as familias e amigos para desfrutar dunha comida campestre.

Ademais, cabe mencionar que cada parroquia ten as súas festas patronais.  

A Banda de Música de Agolada no San Pedro e San Pablo do 2021

Rutas

Rutas

Trátase dun roteiro circular de interese ambiental e cultural. Os asistentes partirán dende a Eira da Xoana, situada na parroquia de Ramil. Alí in situ poderán coñecer a historia de recuperación deste inmoble. Despois, a ruta transcorrerá pola Canle de Ramil podendo desfrutar do río Ulla e de paraxes únicas. O camiño elixido levará aos participantes ata o monte de Basadroa, onde se informará dos petróglifos e mámoas que podemos atopar pola contorna. Por último, a través do Camiño Real, volverase ao punto de partida. É unha ruta de 10 quilómetros, circular e de dificultade media.

Espazo natural declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) dentro da Rede Natura 2000, ten unha extensión de 1.537 hectáreas e abarca os concellos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, no río Ulla. Principal masa forestal representativa da fraga atlántica con influencia mediterránea presente na conca do río Ulla. Como especies máis representativas destacan o carballo e a sobreira. Tamén ao longo do río podemos observar a presenza de amieiros.