Rutas

Trátase dun roteiro circular de interese ambiental e cultural. Os asistentes partirán dende a Eira da Xoana, situada na parroquia de Ramil. Alí in situ poderán coñecer a historia de recuperación deste inmoble. Despois, a ruta transcorrerá pola Canle de Ramil podendo desfrutar do río Ulla e de paraxes únicas. O camiño elixido levará aos participantes ata o monte de Basadroa, onde se informará dos petróglifos e mámoas que podemos atopar pola contorna. Por último, a través do Camiño Real, volverase ao punto de partida. É unha ruta de 10 quilómetros, circular e de dificultade media.

Espazo natural declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) dentro da Rede Natura 2000, ten unha extensión de 1.537 hectáreas e abarca os concellos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, no río Ulla. Principal masa forestal representativa da fraga atlántica con influencia mediterránea presente na conca do río Ulla. Como especies máis representativas destacan o carballo e a sobreira. Tamén ao longo do río podemos observar a presenza de amieiros.